top of page

 

                                       Biografía

 

 

Aló polo ano 1972 un grupo de rapazas e rapaces, que cantan asiduamente no coro do seu colexio en Lugo, deciden formar un grupo de música folk sen máis intención que a de divertirse. O grupo faise chamar Folk 72 e, como tal, participa no III Festival As San Lucas de Mondoñedo (Lugo), un dos máis importantes do momento, en outubro do mesmo ano. Tras acadar o primeiro premio coa canción “Fuxan os ventos”, o grupo adopta ese título como nome próprio e comeza a realizar actuacións en colexios, festivais, aldeas e vilas, primeiro da provincia de Lugo e logo do resto de Galiza.No ano 1973 Fuxan os Ventos participa no III Festival Ría de Ares, en Pontedeume, gañando novamente o primeiro premio.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

No 74 participa noutros certames en Ferrol e Madrid, acadando sempre o recoñecemento da crítica e da prensa especializada.O seu repertorio, inicialmente formado por música folk universal e música popular galega, vai pouco a pouco inclinándose cara esta última, tanto na súa vertente estrictamente popular coma na de composición própria. O contacto coa realidade musical do país, a través das actuacións en núcleos rurais illados, fainos conscientes de que existe un riquísimo patrimonio cultural-musical descoñecido para grande parte da sociedade galega que cómpre dar a coñecer. As próprias actuacións en lugares e aldeas permítenlle ao grupo 'recoller' centos de cantigas que os vellos e vellas do lugar gardan na memoria e que irán incorporando ao seu repertorio. Paralelamente, a maduración persoal dos membros do grupo fainos conscientes da realidade socio-política galega e van adquirindo un compromiso cada vez maior, que se traduce na paulatina incorporación de cancións de denuncia desa realidade: poemas próprios e doutros autores e autoras son musicados polo grupo, sumándose deste xeito a outros colectivos que loitaban na mesma liña de oposición á dictadura e de reivindicación dun pobo, dun idioma e dunha cultura própria.Nestes anos a banda participa activamente na montaxe e representación dun espectáculo costumista-musical de nome ‘Galicia canta ó neno’, escenificación do xeito de vivir as festas do Nadal en Galiza. Recóllense panxoliñas, aguinaldos, cantos de reis, etc., e, durante os días de Nadal, represéntase o espectáculo por diversas aldeas, vilas e cidades do país. Nel participan, ademáis do próprio grupo, outras moitas persoas e colectivos. A produción percorre Galiza ao longo de varios anos.Algunhas discográficas amosan interese polo traballo do grupo e, en 1976, asínase un contrato coa discográfica Philips-Fonogram por catro discos: Fuxan os ventos (1976), O Tequeletéquele (1977), Galicia canta ó neno (1978) e Sementeira (1978).Nesta época, e por mor de múltiples factores (a edición dos discos, a televisión e, moi nomeadamente, a situación socio-político-cultural do país) increméntase dun xeito espectacular a actividade do grupo, que, sen deixar de facer actuacións nas aldeas e vilas do país, leva os seus cantos a Madrid, Catalunya, Euskadi, Lisboa, Bruxelas, París, Zürich, Brest e participa dous anos consecutivos (1978 e 1979) no mítico Festival Interceltique de Lorient (Franza).En 1979 Fuxan os Ventos grava o seu cuarto disco (Sementeira, Philips-Fonogram) e prodúcese o auténticoboom musical do grupo: as súas actuacións multiplícanse tanto en Galiza como no resto do Estado (Madrid, Barcelona, Bilbao, San Sebastián...) e en moitas cidades europeas (París, Londres, Zurich, Bruxelas, Lisboa, Porto, Brest, Lorient...).

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Nos anos seguintes (1979-1985) o grupo realiza unha media de cen actuacións por ano e, en moitas delas, logra reunir miles de persoas, nun fenómeno só reservado até daquela a figuras de primeira fila.En 1981 o grupo grava con Ruada o seu quinto disco,Quen a soubera cantar, nun intento de apoiar o primeiro selo discográfico galego.Os compoñentes de Fuxan os Ventos foron variando dende os seus comezos por diferentes circunstancias, chegando a pasar polo grupo até trinta persoas. A comezos do ano 1983 prodúcese a última e definitiva modificación do grupo, abandonándoo dous dos seus compoñentes e incorporándose un trío de música tradicional. Isto vai repercutir nunha maior calidade nos arranxos e na interpretación do seu repertorio.Desta nova etapa é fidel reflexo o sexto disco, Noutrora, gravado no ano 1984 con Fonomusic. Desde estes anos até 1989, o grupo segue co mesmo ritmo de traballo, aumentando as súas actuacións fóra de Galiza, abríndose a circuitos novos. Tocan en Durango (1983) nun Galeuzca musical; na Universidade Popular de Jaén (1985), ou no festival de Agapito Marazuela, en Segovia (1989), na que sería a súa última actuación pública.Dende esa data até a actualidade, o grupo permanece inactivo de cara ao público, sendo a causa fundamental desta interrupción a imposibilidade de compatibilizar a actividade profesional de cada unha das persoas que o forman co tempo e dedicación que precisaba unha formación das características de Fuxan os Ventos. Só nalgunhas ocasións rompe o grupo o seu silenzo: en maio de 1993, para actuar na Festa Labrega de Láncara (Lugo) organizada polo Sindicato Labrego Galego (SLG) para celebrar a supresión da 'cota empresarial agraria', longa loita do mundo rural galego do que Fuxan os Ventos sempre se sentiu partícipe; e en maio de 1997, en Lugo, para celebrar o 25 aniversario da asociación Auxilia, coa que Fuxan sempre colaborou.Esta actuación é fundamental para que o grupo se decida a preparar un novo traballo, que cristaliza nun disco que sae á rúa en abril de 1999: Sempre e máis despois (Fonomusic). O elepé, que producen os próprios membros de Fuxan os Ventos, componse na súa totalidade de pezas tradicionais tanto de recollida própria como tiradas de cancioneiros, e nel a riqueza de arranxos e a calidade interpretativa e de gravación consolida unha interesante evolución iniciada polo grupo no anterior disco (Noutrora), que sen deixar de ser tradicional e sen abandonar o seu timbre característico, integra instrumentos, sons e técnicas actuais.No 2002, Fuxan os Ventos edita o seu último traballo discográfico até a data, Na memoria dos tempos, con romances e melodías de cancioneiros tradicionais. O disco serviu tamén para reivindicar a memoria dun feito que non debe repetirse nunca máis: a catástrofe do Prestige, participando tamén nos concertos expansivos que se realizan en todo o país.En 2007 participan no proxecto colectivo Pelo Gato 24, e en agosto dese mesmo ano actúan no Festival de Pardiñas (Guitiriz) cun pequeno repertorio, facendo o pregón-presentación da Feira de Artesáns. A repercusión desta actuación e a satisfacción do grupo ao reencontrarse co público son decisivas para facer Terra de Soños.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Na actualidade, os compoñentes de Fuxan os Ventos son Carme Vázquez, Xoán L. F. Saavedra, Tereixa Novo, Alfonso Fernández, Moncho Díaz, Maruxa Fociños, Antón Castro, Xosé Vázquez e Pedro Lucas.

bottom of page